27/12/07

Democracia antidemocrática

Din da democracia que é unha ditadura na que cada catro anos se escolle ao líder ou, por outro lado, que é o menos malo dos sistemas. Certas experiencias poden levar a pensar que a primeira afirmación está no certo: bástanos con volver a vista catro ou cinco anos para ver como se enviaba ao exército español a unha guerra carente do apoio da ONU e dos españois. Porén, tampouco podo imaxinar un sistema máis axeitado para a convivencia nun estado, aínda cos seus defectos.

Con todo, a democracia española, iso que para nós é algo natural e do que nos contan que levou moitas loitas acadar, ten erros moi graves. Quizais vos veña á cabeza, vindo este discurso de min, o feito de que o xefe de estado deba pertencer ao rancio liñaxe que non se deu por aludido despois de dúas repúblicas. Pero non, hoxe non toca falar deles, senón desa especie de puñal cravado no corazón desta democracia nosa: a lei electoral.

Que vos parece que o voso voto non sirva para nada? Ou que teña menos (ou máis) valor ca outro? Xa me diredes, pero a min non me resulta moi convincente nun sistema autodenominado democrático.

O xermolo de todo este desaguisado fica na lei D’Hont, en vigor dende o ano 1983, que establece un curioso sistema de reconto de votos e reparto de escanos: para entrar nas operacións, é necesario que a formación política conte con máis do 3% do total de sufraxios. Ata o de agora, pode resultar máis ou menos xusto, pero non é tan sangrante como o proceso posterior, porque a continuación se procede a dividir o total dos votos de cada candidatura entre 1, 2, 3, 4, etc, ata o número de escanos por circunscrición, outorgándolle os asentos aos maiores cocientes. En cifras, non soa tan disparatado; o resultado, na práctica, amosa o inxusto do método seguido, e como exemplo podedes ver as dúas imaxes. O resultado amósase desastroso para os partidos minoritarios, privándolles dos escanos que, proporcionalmente, lles son outorgados polo pobo. E cando na democracia non se respecta a voz do pobo, parece evidente que se deben revisar os mecanismos que a fan funcionar.

Tal vez non vivamos baixo un réxime totalitario, ou na caótica anarquía. A democracia segue sendo, até o de agora, o menos malo dos sistemas. Pero iso non quere dicir que debamos pechar os ollos ante os seus defectos, porque os ten. Á fin e ao cabo, o noso deber non é defender a democracia que herdamos e na que vivimos, senón protexer os valores democráticos nos que se inspira e loitar por acadalos. Para poder berrar ben alto que a democracia é o mellor dos sistemas posibles.


P.S.: Podedes atopar as fotos e máis información sobre o tema no artigo do xornal Público.es "Las verdades y mentiras de la ley electoral". E si, púxenme a escoitar a banda sonora de V de Vendetta para escribir este texto.

2 comentarios:

Barbebleue dijo...

Seica non oiches falar da "gobernabilidade"?

Notedoy Minombre dijo...

Gobernabilidade...
Certamente un goberno precisa da "gobernabilidade" por pura definición, se ben unha das bases da democracia é o control reciproco dos distintos poderes (oficialmente 3) formando o senado e o congreso (poder lexilativo) teoricamente un poder distinto do goberno (poder executivo), se ben a efectos, tende a ser o mesmo e de feito son captados polo groso da opinión pública como o mesmo.

Algúns din que é bo que un goberno conte con maioría absoluta no parlamento, xa que así ten unha gobernabilidade maior. Os contrarios a esta teoría din que así non se pode controlar o goberno, como ensinou o PP no seu último mandato.

Todos teñen parte de razón. A gobernabilidade e o control do goberno son dous "bens", pero inversamente proporcionais, polo cal temos que saber atopar o equilibrio entre eles. Lástima que non exista unha fórmula matemática.

Existen problemas maiores para a democracia que o propio sistema, como pode ser a influencia de grupos de interese como a igrexa, cun poder causado en demasía por cuestións históricas ou a "despolitización" dos partidos políticos, os cales centran os seus esforzos en acadar e manter o poder.

Eu personalmente non son partidario do sistema D´Hont.

Seguidores