30/6/09

Con Fraga follábamos mellor

A Xunta pecha o servizo Entendo dos centros Quérote, destinado ao colectivo LGBT.

Fontes próximas a Núñez Feijoo informan de que quere acabar coa imposición sexual que se estaba a vivir e busca así unha "heterosexualidade cordial".

26/6/09

Autocrítica

Afortunadamente, o que unha primeira impresión ou ollada prematura puidera amosar non se achegaba á realidade nin coas xemas dos dedos. O que parecía unha sinxela e doada poesía era moito máis: un estertor da soidade, pena de morte á tristura. Calquera que se dera de entendido podía intentar desentrañar o que implicaban aquelas palabras zurcidas con doce saña sobre papel reciclado, pero ningún deles, por moito que o intentase, ía poder reclamar para si o mérito de entender o que se tentaba dicir. Había, xa que logo, naquel texto algo indescifrábel, algo incomprensíbel. Un factor descoñecido para todos, orixe do mundo de tinta baixo os ollos do lector incauto que transmitía nunha suave melodía muda de murmurios imaxinados. Non importaba a calidade. Non importaba a forma. Todo o que se quería dicir estaba dito, e todo o que se quería facer sentir provocábase. A ilóxica da razón (e a filosofía tola que agarda sentada no sofá a que o sentido común a saque a bailar) zumega polos poros dos puntos que limitan a paixón destemida e parece envorcar desde cada verso cara o baleiro dos sentimentos esquecidos por moitos. Valor. Loucura. Se algunha palabra representase algo tan grande non existiría a poesía. Amor. Ledicia. Se non puidese pórlle nome a esta eternidade non estaría a falar dun poema que nunca souben escribir. A.

23/6/09

Prosa mal entendida

En vista de que nos medios de comunicación están a aparecer referencias sacadas de contexto ao artigo publicado no diario Gara por Alfonso Sastre, líder de Iniciativa Internacionalista, co gallo do que está a ocorrer estes días en torno ao último atentado de ETA, déixovos aquí o comezo e o enlace para quen lle interese ler o texto íntegro. Un escrito que provoque denuncias de colectivos profranquistas e vómitos a Rosa Díez merece, canto menos, uns minutos de atención.

Una entradilla de urgencia. Apenas terminado este artículo, se ha producido el último atentado -esta vez mortal- de ETA y las respuestas rituales del PSOE y el PP. Todo ello parece cerrar una vez más un círculo vicioso y acreditar que la paz en este país es definitivamente imposible. En tal situación, angustiosa sin duda, yo no puedo por menos de mantener tozudamente mi esperanza y deseo remitir a las ideas que expuse en mis cinco artículos, en este mismo periódico (del 23 de septiembre al 18 de octubre de 2008), bajo el lema «Si quieres la paz, prepara la paz».

En esta situación, considero así mismo revalidado el pensar expuesto en el artículo escrito hoy como los grandes temores en él expresados. En tales circunstancias, todo parece más fuerte -y hasta arrollador- que el pensamiento, pero las ideas claras también tienen su propia fuerza. Es en esta convicción en la que yo deposito mi esperanza.


La prosa y la política

22/6/09

O bigote xustifica os medios

O xeneral José María Aznar, preparado para un golpe de estadio: "Lo importante es ganar, aunque sea de penalty injusto y en el último minuto"

Extraspección

Encerrado no ventre da serpe metálica
arrinco electróns coas unllas do alfabeto para poder pensar na salvación.

O solpor entra polas fiestras e acende o po de neon no centro da cidade vexetal,
mentres os altofalantes de escuma quebrada
emanan berros de angustia.

O son do motor move o mundo en todas as direccións,
avanzando cara ningures
nun lenzo de pintura a se derreter.

E eu,
atrapado nun batiscafo no fondo do mar,
busco palabras novas ao outro lado do cristal para poder falar de
ti.

21/6/09

Educación bananera

Segundo o PP, a gratuidade para as rendas máis baixas dos libros de texto é un modelo "máis xusto e solidario fronte ao populismo rancio do bipartito", que promoveu a súa gratuidade universal. Mentres, recupéranse apoios a centros concertados que separan aos alumnos por sexos.

Benvidos á Galicia popular: onde a educación pública e gratuíta é unha medida populista, e facer enquisas para que pareza que se vai ter en conta a opinión da xente, un acto de liberdade.

13/6/09

Demagoxia liberal

Encántame recorrer ao dicionario porque sempre deixa todo moi claro e contundente, e con certos elementos da sociedade non me sae demasiado ter piedade. A palabra de hoxe é “demagoxia”, é dicir razoamento enganoso que busca conseguir o apoio dos demais para beneficio propio. Porque digo isto? Por suposto, porque vou falar (outra vez) de Galicia Bilingüe, o Rasputín particular do noso tsar Feijoo.

Recapitulemos sobre o tema: as falacias e a demagoxia desta organización baséanse no irrebatible argumento da liberdade lingüística, un xermolo de anarquismo polo cal os pais teñen o dereito de escoller a lingua que se ha utilizar na escola pública. Algo completamente normal porque, como sabemos, carecemos dun parlamento escollido democraticamente que lexisla e aproba normas que regulan o normal funcionamento da educación publica. A súa liberdade é, logo, a capacidade de saltarse as leis aprobadas polos representantes do pobo.

Pois ben, este entes chamados demócratas, despois de facer unha manifestación semanas antes das eleccións, crispando e caldeando o ambiente cun tema ignorado durante toda a lexislatura, e despois de premer á nova Xunta para que seguise as súas ideas, volven á carga. O problema? A nova enquisa feita á carta desta xente.

Fai un par de días líamos que a Consellería de Cultura prohibía todo tipo de actos relacionados coa enquisa. Hoxe, Galicia Bilingüe leva as mans á cabeza porque nalgúns centros estase a repartir a enquisa acompañada de trípticos a prol da opción “Todo en galego”, nos que se aportan datos como que os niveis de castelán e inglés en Galicia son superiores á media estatal. Deduzo que a señora Gloria Lago, licenciada en Filoloxía Inglesa, non asistiu á clase o día que explicaban que aprender máis dunha lingua potencia a capacidade dos nenos. Ou directamente pasou do tema.

A cuestión é que eles mesmos critican este “intento de manipulación”, pero á súa vez reparten folletos nos que animan a votar na enquisa “con liberdade”. Gustaríame recordar que, no referendo do Estatut catalán, a Xunta Electoral Central prohibiu unha campaña da Generalitat na que se chamaba á participación, porque consideraba a abstención unha opción máis e unha institución oficial non pode pedir o voto para ninguén. Logo, eles non manipulan? E acaso consideran a divulgación de información empírica unha forma de manipulación? Na súa concepción de liberdade é así: se a información non lles favorece, é manipulación; se a lexislación non lles gusta, é imposición.

Digámolo claramente: só son unha panda de golpistas.

8/6/09

A sentenza electoral do PP

Di Esteban González Pons, vicesecretario de comunicación do PP, que "Las elecciones se ganan en las urnas, no en los juzgados". Triste, pero certo. España amosouse onte como unha nova Italia na que todo vale e onde a corrupción, que derruba gobernos alá, lonxe, no norte, onde a civilización campa ás súas anchas, recibe aquí máis aplausos que asubíos. Resulta curioso que a mesma xente que critica tanto as políticas de subvención á cultura con diñeiro público manteña despois impunes aos políticos que se subvencionan a si mesmos.

Fago esta queixa sabendo que o resultado non foi todo o bo que debía para o PP, que venceu pola mínima a un rival que goberna un país camiño da ruína, pero abraia descubrir que onde máis paus debía levar máis subiu en votos: gañou en Madrid e doblou a súa vantaxe sobre o PSOE en Valencia, ignorando por completo o escándalo do caso Gürtel.

Quero pensar, de todos os xeitos, que todos confiamos, e eles tamén, en que se os problemas coa xustiza do contrario non valen para gañar eleccións, unha vitoria tampouco serve para limpar expedientes penais. Espero que o señor Pons tamén pense, como parece que o fixo o resto de España, que "Los crímenes se pagan en los juzgados, no en las urnas". Porque onte ningún xurado votou por absolver a Francisco Camps e hoxe, aínda coas eleccións gañadas, segue imputado.

7/6/09

Ad eternum

Mira.
Lóstregos de seda imantada inscritos en espirais infindas.
Nebulosas de cores pastel sobre contos infantís.
Fría rocha esculpida por ciceles senlleiros ao longo da
nosa historia.

Conta.
Un, pola noite nova.
Dous, polos berces baleiros.
Tres, pola nosa chuvia.
Catro, polos tetragramas.
Cinco, polos días.
Seis, por outubro.
Sete...

Para.
E se non nos chegan os números para enumeralo todo?

Seguidores