25/12/07

Carta ao editor a raias

Queridos directivos de Salamandra:

Entendo perfectamente a situación na que se atopan. Unha editorial que viviu de Harry Potter até o de agora, dende a súa aparición, non debe de estar moi contenta coa fin dese filón. Por outra banda, ter os dereitos da edición en castelán dun libro de tanto éxito mundial como O neno co pixama de raias tamén lles debeu de excitar moito. Pero nin tendo en conta iso podo entender que se poida utilizar unha edición dun libro de forma tan mercantilista.

"O neno do pixama de raias narra a vida de Bruno, un neno de nove anos, fillo dun membro do exército nazi, dende o momento en que a súa familia se traslada ao campo de Auschwitz por mor do traballo do pai."

Que con iso na contraportada do libro non vende tanto? Certo, queda moito máis bonito o que din de que "non se pode explicar de que trata". Se no segundo capítulo xa o sabes...

Á marxe diso, o que resulta irreprochable é o contido do libro, que aínda sendo vítima duns editores ávidos de elevadas cifras de exemplares vendidos coma vostedes, resulta sorprendente. O punto de vista, Bruno, inocente e ignorante do mundo no que vive, é imprescindible nunha historia que se asemella máis a un conto para nenos que ao duro relato que se define a cada páxina. Non cae, sen embargo, en ningún momento na banalización do Holocausto, senón que o fai resultar aínda máis tráxico desde a perspectiva do rapaz protagonista.

En definitiva, o libro que teño nas mans representa un sonoro 10 ao autor, o descoñecido irlandés John Boyne, e un 0 para vostedes, porque ata lles podo botar en cara os erros (que non erratas) á hora de imprimilo.

Sen máis, un saudo
alex

No hay comentarios:

Seguidores