22/1/08

A gaiola das cores

Definitivamente, xa o vin todo. Dentro de pouco patentarán até o osíxeno, aínda que creo que debería buscar información sobre outras operadoras de telefonía, non vaia ser o demo e xa estea rexistrado...

O caso é que navegando por este mundo de esperpento e delirios humanos que é a rede, atopei cunha noticia, cando menos, chocante: o maxenta é propiedade de T-Mobile, unha empresa alemá. Ese é o espírito do capitalismo extremo, si señor.

Pois ben, no centro de todo isto, e loitando contra a caída do valor en bolsa a usurpación dun xeito tan noxentamente legal de tan prezada cor, atopamos algo así coma un movemento de liberación do maxenta (non, pese ao que poida parecer, non é ningunha plataforma gay): freemagenta.nl. Trátase dun grupo, fundamentalmente composto por deseñadores, que se opón á esta patente, e a súa web é un bo exemplo de humor gráfico e crítica ao absurdo mundo da propiedade intelectual.

Non sei se conseguirán algo, pero desde logo a páxina merecer ser visitada. E nun mundo coma o actual, no que parece que non se pode facer nada por cambialo, a capacidade de rirse das extravagancias desta sociedade sempre é ben recibida.

20/1/08

"O futuro é cousa do pasado"

Non son excesivamente un fan das películas de acción, pero non me desgustan de todo. Ás veces non están de máis como espectáculo e vía de escape para as tensións, ao igual que moitos videoxogos. Sen ir máis lonxe, paseino coma un anano con esa pequena xoia de Terminator 2. Iso si, este tipo de produtos duran na miña cabeza o mesmo que na pantalla. Noutras palabras, non son o meu xénero predilecto á hora de darlle voltas a certos temas, ou de vivir historias que me digan algo. Se vos digo que chorei como unha madalena coa execución de Salvador Puig Antich na súa película, mentres que a morte de V me deixou coma antes, pode que vos quede máis claro ao que me refiro.

Cando comecei a ver Fillos dos homesChildren of men― non ía para nada coa idea de ver unha peli de acción. Dela coñecía o seu director, Alfonso Cuarón, e o seu punto de partida: nun futuro próximo, en 2027, as mulleres non poden ter fillos, e o rapaz máis novo do planeta é asasinado. Esta ficha técnica non fai senón aumentar ás expectativas que poda crear unha película que non cheguei a ver no seu momento e da que Berni me recordou a súa existencia.

Ben, despois desta introdución debería pasar a criticar a cinta, mais non lle vou dar moitas voltas ao que xa teño claro. Se tivera que adxectivala, decantaríame, case sen dúbidas, por “maxistral”. E debo engadir que Clive Owen, actor que encarna ao protagonista da historia, é un home ao que non lle teño ningún aprecio logo de soportar a súa actuación “cara-de-pao” naquel bodrio onde o vin por primeira vez, O rei Arturo. Pero sorprendentemente aquí leva a cabo un traballo excelente, que non desmerece en absoluto ao resto da película.

Volvendo coa historia, o que comentei ao principio do cine de acción cobra moita importancia en Fillos dos homes, porque podo dicir, sen medo a trabucarme, que ten as mellores escenas de guerra que vin nunca. E, ao contrario do que se podería crer, non é só unha película de acción. É un drama humano, unha crítica ao camiño que pode tomar a nosa civilización, ou que, talvez, xa estea a facer. A medida que pasan os minutos, tomas partido nun conflito no que se mesturan todo tipo de razas e nacionalidades, ideoloxías e relixións, e no que toda a brutalidade e o odio das persoas xira en torno á inocencia e a debilidade da mesma humanidade. Cada disparo, cada asasinato, cada pinga de sangue que salpica o obxectivo da cámara estremece ao espectador. Comportándose como un auténtico xenio, Cuarón consegue que non vexas un final na película, e dá en todo momento a impresión de que os protagonistas nunca acadarán a súa meta.

Concluíndo, non me gusta nada a idea de facer unha crítica que remate nunha nota numérica, porque adoitan ser inxustas, pero neste caso leva o que merece. A pregunta que me fixo realizar e á que responde a propia película obrígame a puntuala.

Pode o pranto do último bebé da historia acalar os ruxidos das armas accionadas pola xenreira, a rabia e a estupidez humanas? A resposta, xa sabedes onde. E un 10.

17/1/08

Paraugas por tradición

Din que nunca choveu que non escampase. O certo é que, até o momento, esta afirmación non fallou nunca. Todas as tormentas chegaron á súa fin e todos os diluvios deixaron de anegar terras chegados a certo punto. Aínda así, cando se detén a choiva, hai xente que segue co paraugas aberto, tapándose do mesmo xeito ca antes. Nunca vos fixastes?

Eu estou seguro de que estas persoas o fan porque non saben que xa non chove. Ignoran o que ocorre a un raio maior a corenta centímetros de si mesmos, descoñecen o que realmente pasa ao seu redor, no mundo.

Afortunadamente, o ser humano caracterízase, alén de certos comportamentos alleos ao instinto, tamén coñecidos como raciocinio, pola súa capacidade de aprender. E toda esta xente, fóra de lugar, e sobre todo de momento, adoita rectificar e pechar os seus paraugas cando ven que xa non chove ou que os demais non se tapan.

Respecto a eles, temos dúas posibilidades: ou ben deixamos que vivan baixo o seu anacronismo e nos acaben golpeando con el, ou apartamos todos as capuchas das nosas caras para deixarlles claro que a tormenta xa rematou.

15/1/08

Os seus dez mandamentos

1. Amarás a Deus sobre todas as cousas.

Ata aquí, van ben...


2. Non tomarás o Nome de Deus en van.

"Vamos a dar a España un Gobierno como Dios manda"


3. Santificarás as festas.

A un lado de este escenario había una Cruz con el Cristo del Camino de quince metros de altura y en el centro una pantalla gigante para que los asistentes pudieran seguir el acontecimiento.


4. Honrarás ao teu pai e á túa nai.











5. Non matarás.


Sobra engadir nada, creo.


6. Non cometerás actos impuros.

Nunca.


7. Non roubarás.

Dos empresarios imputados en el 'caso Terra Mítica' relacionan a Zaplana con el cobro de comisiones ilegales en la construcción del parque.


8. Non dirás falso testemuño nin mentirás.

El arzobispo de Madrid señaló: "Nos entristece constatar que nuestro ordenamiento jurídico ha dado marcha atrás respecto a lo que la Declaración Universal de los Derechos Humanos de las Naciones Unidas reconocía y establecía hace ya casi 70 años. A saber: que la familia es el núcleo natural y fundamental de la sociedad y tiene derecho a ser protegida por la sociedad y el Estado".


9. Non consentirás pensamentos nin desexos impuros.

“Incluso si te descuidas te provocan.”


10. Non cobizarás os bens alleos.

Cito textualmente da cabeceira: “vamos a dar la batalla de la sensatez, del sentido común y la batalla de España”

Aquí quero destacar algo máis: “hay muchos millones de españoles y un grupo importante de personas”. Incrible.

12/1/08

Pecados adolescentes

"Comercial e rechamante bodrio adolescente”, é quizais o primeiro que se pensa ao ver Apples, de Richard Milward, un escritor novel británico. Nada máis lonxe da realidade: o que agochan as coloridas tapas do libro é algo (moito) máis ca iso. Todas esas críticas que destacan na contraportada son bastante acertadas.

Apples narra a vida de dous rapaces dunha cidade inglesa, Adam e Eve. El é un rapaz solitario con síndrome obsesivo-compulsivo; ela, unha moza afeccionada ás discotecas, á éxtase e ao sexo. Unha estraña parella, radicalmente incompatible, cuxas vidas se cruzan en distintos momentos da novela, en sucesos máis ou menos afortunados, nun continuo ir e vir de polos que se tocan.

Durante a obra, que ten como inicio a revelación do cancro de pulmón da nai da rapaza, vemos pasar os acontecementos desde distintas perspectivas: Eve, Adam, amigos e mesmo algún personaxe moi curioso, contan sempre en primeira persoa o desenvolvemento da historia. O autor xoga maxistralmente coas distintas voces para deixar ao lector en momentos clave coa intriga do que está a ocorrer, chegando ao límite co final da novela.

Non vos vou desvelar como remata, pero a alternancia dos narradores e as dúbidas sobre o que realmente aconteceu que provoca deixan a historia no aire, e ao lector cun par de preguntas sen resposta.

En definitiva, totalmente recomendable, sempre e cando non vos impresione a sordidez do ambiente que zumega o rexistro da novela, e o dura e crúa que resulta esa vida ao límite. Ás veces semella que non hai futuro para os rapaces. E quizais sexa así. Quizais o futuro que lles espere sexa tan incerto como o desenlace da derradeira intervención do libro, o último e abraiante pensamento de Eve.

Seguidores