19/12/07

Sorpresas e estrelas

Din que a capacidade de sorprenderse é propia e única dos nenos, e que a imos perdendo segundo medramos. Sen embargo, non sempre é así; as cousas deixan de abraiarnos unha vez as coñecemos e xa nos soan, cando non son novas para nós. Iso pasa con todo, pero a alguén que deixa de emocionarse lendo un libro ou vendo unha película non lle ocorre necesariamente por perder esa capacidade, senón simplemente porque a obra non está a altura. Eu, sen ir máis lonxe, levaba anos sen pasarme un videoxogo que se me fixera algo máis ca un mero pasatempo. Ata que volveu el.

Podería comentar os seus preciosos gráficos, a súa simple e encantadora historia, ou a impresionante banda sonora orquestrada. Pero é iso e moito máis. Super Mario Galaxy é a volta da diversión pola diversión, é a recuperación da esencia dos xogos. E a verdade, por mor disto, non é doado explicar que é o que ten este xogo que o faga tan grande; podería engadir algunha imaxe ou melodía digna de eloxio, mostrando o seu lado técnico, pero iso non lle faría xustiza.

O que realmente fai que esta aventura sexa un dos mellores xogos creados nunca é a capacidade para deixarte coa boca aberta a cada intre. Talvez sexan as viaxes entre as estrelas, as carreiras interminables ao redor dos planetas ou os saltos que fan dar a volta ao mundo, pero cada nova galaxia xoga cos teus sentidos, coa túa percepción dos videoxogos e do propio mundo. A gravidade, esa indiscutible verdade baixo os nosos pés, aparece e desaparece entre os pequenos corpos celestes e os camiños sobre o baleiro. E a sensación ao xogar é algo indescritible, é como volver facelo por primeira vez, revivir o que se sente ao coller un mando dunha 8-bits con 6 aniños.

É, en definitiva, sorprendente, e o abraio que provoca é tal coma o dun neno ao ler O Principiño, ou coma o de Sir Isaac Newton cando lle caeu a mazá na cabeza. Recórdanos que, ao final, sempre quedan novas sensacións que vivir, deica o día en que deixemos para sempre este mundo...e a súa gravidade.

No hay comentarios:

Seguidores