Apples narra a vida de dous rapaces dunha cidade inglesa, Adam e Eve. El é un rapaz solitario con síndrome obsesivo-compulsivo; ela, unha moza afeccionada ás discotecas, á éxtase e ao sexo. Unha estraña parella, radicalmente incompatible, cuxas vidas se cruzan en distintos momentos da novela, en sucesos máis ou menos afortunados, nun continuo ir e vir de polos que se tocan.
Durante a obra, que ten como inicio a revelación do cancro de pulmón da nai da rapaza, vemos pasar os acontecementos desde distintas perspectivas: Eve, Adam, amigos e mesmo algún personaxe moi curioso, contan sempre en primeira persoa o desenvolvemento da historia. O autor xoga maxistralmente coas distintas voces para deixar ao lector en momentos clave coa intriga do que está a ocorrer, chegando ao límite co final da novela.
Non vos vou desvelar como remata, pero a alternancia dos narradores e as dúbidas sobre o que realmente aconteceu que provoca deixan a historia no aire, e ao lector cun par de preguntas sen resposta.
En definitiva, totalmente recomendable, sempre e cando non vos impresione a sordidez do ambiente que zumega o rexistro da novela, e o dura e crúa que resulta esa vida ao límite. Ás veces semella que non hai futuro para os rapaces. E quizais sexa así. Quizais o futuro que lles espere sexa tan incerto como o desenlace da derradeira intervención do libro, o último e abraiante pensamento de Eve.
No hay comentarios:
Publicar un comentario