28/2/08

Catro baixas no noso bando

Últimas noticias: Asasinadas catro persoas nun só día en todo o país.

Iraq? Colombia? Kenia? Non, España. ETA? Liortas entre inmigrantes? Non, violencia machista.

Resulta incrible, non si? Parece que non cambiaremos nunca: sempre os mesmos problemas, sempre os mesmos comportamentos, sempre as mesmas vítimas. Tanto tempo intentando trocar eses ideais rancios que propugnan a supremacía e patriarcado do home, tratando de desprendernos do instinto de posesión do macho, querendo deixar atrás o lado animal que temos para podermos vivir coma persoas civilizadas, e asemella que foi todo en balde.

Parece moi doado ver como morre a xente fóra, ben sexa en atentados no mundo islámico ou tiroteada en escolas estadounidenses, pero non parecemos decatarnos das vidas que se perden de portas adentro, no noso entorno. Esas mulleres, as nosas mulleres, cuxas vidas son truncadas sen remedio, que protagonizan xa cotiás noticias cada poucos días, son unha parte de nós. Son un anaco de todos os que devecemos pola igualdade, polo respecto, pola tolerancia e pola liberdade. E cada vez que unha delas se suma á tristemente extensa lista de crimes, perdemos un pouco máis a esperanza de ver a sociedade coa que soñamos.

Isto é unha guerra, non se me ocorre senón outra explicación. É a guerra entre as cavernas e o presente. Entre o pasado e a sociedade actual. E vós, as mulleres, estades nas frontes de batalla, sodes a vida, o futuro, a cabeza da civilización que agardamos. Por iso non podemos consentir que caia ningunha máis.

Xa non fomos ficando sós

Se hai algo que me aterra neste mundo, iso é a soidade. Non falo de ficar só na habitación, sen compaña. Cando digo soidade evoco unha indesexable situación na que non se conta con ninguén neste mundo, na que se carece dun apoio que axude a carrexar o peso da vida. Igual cá min, tal panorama resúltalle insoportable á maior parte da humanidade.

Por iso, sempre nos facemos a mesma pregunta, a todos os niveis da vida: Estamos sós?

Despois de milleiros de anos cuestionándoo, quizais a resposta sexa máis doada do que parece. A nosa existencia caracterízase porque nunca sabemos cando imos atopar alguén nesta viaxe, e desta volta volve ser así. Silencio, escuridade, e de súpeto un sopro de vida. A 250 millóns de anos luz, diante das nosas propias narices. Unhas pequenas moléculas orixinaron a vida na Terra, e agora atopáronse nunha afastada galaxia deste infindo universo. Xa non estamos sós. Nunca o estivemos, pero non o sabiamos.

Benvidos ao inmenso e inabarcable universo. Benvidos á incomprensible e invencible vida.

22/2/08

Preparados, listos...

Xa. Comeza a carreira.

Onte pola noite, mentres a maior parte de nós, estudantes preocupados polo noso futuro, nos estabamos a emborrachar na Alameda, miles de persoas en toda España encolaban os valados das vilas e cidades con carteis que, por fin, poden pedir directamente o voto.

Todo este esforzo propagandístico ten como último obxectivo captar os votos indecisos, porque, sendo francos, aos que comezamos a campaña co voto decidido case nada nos pode facer cambiar de opinión. Porén, isto non lle resta peso ou importancia á orxía publicitaria que nos agarda, pois son os que non definiron aínda o seu voto os que decidirán quen nos vai gobernar. Unha coña, pero tampouco pretendo sacar este tema agora.

O que me ocupa nestes momentos é analizar un pouco os spots e posters que invaden as nosas televisións e as nosas rúas. Son todo un prodixio mercadotécnico.

Comezo polo que, para min, é o máis sosiño. Si, ZP, falo de ti. Tiñades que facer unha campaña para que non gañen os outros e vides e ides con isto...Quizais, o que máis me intriga é que despois dos perfectos carteis da precampaña, con frases optimistas que ademais puidemos ver en galego (inédito nunhas xerais) veñan cun “Vota con todas tus fuerzas” (espero levarme a sorpresa de velo en galego tamén) que, a priori, non me acaba de resultar convincente. Tampouco digo que sexa malo, e é posible que nuns días o vexa con outros ollos, pero de primeiras non me convence e resulta algo decepcionante comparados coas 13 frases que puidemos ver até agora. Espero que lles funcione e mobilicen ao seu electorado, pois salta a vista que esa é a intención do slogan.

Pasamos ao PP. “Con cabeza y corazón”. Seguindo a súa actividade política durante os últimos catro anos, podo entender que se vote ao PP co corazón. Pero coa cabeza non. Ademais, no seu lema ocúltannos o que realmente ofrecerán cando gañen. “Plagiar campañas. Con Rajoy es posible”. Xulgade vós mesmos.


Para rematar, paso aos que máis me interesan (si, para que negalo?).

O primeiro, IU. Despois dunha, canto menos, estraña precampaña (Supergaspi aínda me provoca malos soños), atopo o spot televisivo máis impactante de todos. Polo menos, a min, encantoume, aínda que teña ese toque cutre que caracteriza todas as campañas deste grupo. No relativo aos carteis, prefería o “Llamazar-es rojo y verde” ao “Llamazar-es + izquierda”, pero non está mal: ambos son directos e concisos.


Finalmente, que dicir do BNG? Dáme a risa, en serio. O “Contigo, Galiza decide” é impecable, e gustoume dende o momento en que o vin. Agora ben, menos mal que teño o voto clarísimo, porque con semellante anuncio dan ganas de votar a Rosa Díez.



Vale, non. O de Rosa Díez era broma, queda claro? Pero o anuncio é intragable.

9/2/08

Ira e liberdade

Non está ben falar ou escribir cando un tema está quente. Un pode concorrer, na súa rabia, en erros de coherencia que amolarían un calculado discurso, botando abaixo as normas retóricas nas que se debe impulsar toda expresión ordenada. Pero agora mesmo o meu odio vai demasiado lonxe. Si, odio.

É moi difícil facerme enfadar, e son pouco ou nada rancoroso, pero nestes momentos teño a furia acumulada nas xemas dos dedos e necesito liberala contra esta morea de letras que póboan o meu portátil.

Alguén que coñeza un pouco de historia, saberá que dende un tempo a esta parte a civilización viviu un progresivo aumento de dereitos. Cando se produciu a Revolución Francesa en 1789 comezou un camiño ascendente nas liberdades individuais das que gozamos. Vivimos conquistas dos traballadores, metas acadadas polas mulleres e liberacións de pobos e nacións oprimidos. Non se conseguiu sempre todo: o mundo non é perfecto e o sabemos, pero tampouco estivo mal de todo esta serie de acontecementos.

Porén, esta escalada non foi continua e ininterrompida. Moitas revolucións fracasaron no século XIX e os dereitos dos cidadáns víronse afectados como reprimenda. No pasado século XX, réximes totalitarios truncaron liberdades nada máis chegar ao poder. Podería ocorrer que, xa instalados no século XXI, a alguén se lle pasara pola cabeza recortar dereitos civís? Ou sendo máis duros, algún líder político sería quen de dicir explicitamente que o vai facer?

Eu, iluso, tiña a esperanza de que isto non puidera chegar a pasar. Cría que os nosos logros serían respectados polos demais. Pensei que deixariamos de ser discriminados. E agora sei que me equivocaba.

Hoxe, Mariano Rajoy expresou, por fin, a súa posición en torno ao matrimonio homosexual. Despois de semanas de conflitos entre os partidos e a Igrexa, o líder conservador contestou ao que moitos de nós nos preguntabamos. Fronte á pregunta sobre o que ía facer coa adopción de matrimonios gais, o maricón de España contestou “Eu cambiaríao, si; quitaríalles o dereito”. Así, limpamente e sen remordemento: quitaríanos o dereito.

Era de esperar que o fixera, diredes. E xa o sei, pero non podía imaxinar que puidera chegar a tanto, e dicir explicitamente que vai recortar dereitos. Os meus dereitos. A miña oportunidade de formar unha familia. E non podo reprimir o que sinto ante a esta ameaza.

Vou rematar de escribir este texto de desafogo e de rabia facendo unha alusión á miña idolatrada Rosa Montero. E vou concluír o texto cunha cita súa, final dun artigo seu defendendo o aborto ante estes mesmos fascistas que me levaron a redactar isto. Dicía que “as conquistas civís son pequenas chamas que os ventarróns retrógrados apagan facilmente” e que “non convén nunca baixar a garda”.

Non baixemos a garda. Eles veñen para apagar o lume que tanto custou acender.

6/2/08

Do racial e o irracional

Fai máis de 400 anos, cando os europeos comezaron a chegar ao Novo Mundo, deu comezo unha discusión sobre se aquelas estrañas xente que poboaban América era ou non persoas coma os cristiáns. Pode ser que o debate se iniciara xa con anterioridade, pero o coñecemento dunha diversidade racial tan ampla dentro da humanidade fíxose presente entón, e chegaría ao seu cénit coa colonización de África tras moitos e distintos episodios.

Agora, na actualidade, no século XXI, aínda podemos ver como o racismo rompe e cisma sociedades enteiras, como a simple diferenza de cor da pel pode marcar a unha persoa, á súa vida e o trato que recibe do mundo. É un dos maiores problemas da sociedade actual, unha espiña cravada no centro da gorxa da tolerancia que predican os Dereitos Humanos.

Hai pouco, o reputado científico James Watson, coñecido e recoñecido polo descubrimento do ADN xunto con Francis Crick, realizou unhas polémicas declaracións afirmando que a raza negra posuía unha capacidade intelectual inferior á branca. Evidentemente, foi criticado por semellantes palabras e tivo que recuar no dito.

A semana pasada, lendo as noticias, atopei os resultados dun estudo sobre o xenoma humano que revelan o que moita xente non quere crer: non somos tan diferentes. É moi simple, o que esta investigación dá a coñecer é que as nosas diferenzas externas están ditadas por cincocentos insignificantes xenes. En números, 500 xenes fronte a 30000 que conforman o total da nosa configuración xenética.

Podería escribir longas conclusións sobre isto, pero quero rematar cunha frase que se pode ler na noticia: “Non existen grandes diferenzas entre razas senón máis ben entre individuos”. Un finlandés e un camerunés poden ter máis en común entre eles que cos seus achegados; a cuestión agora é concienciarnos de que todos somos tan diferentes coma semellantes, porque a sociedade, igual cós seres vivos, evoluciona, e o racismo é unha corcova que nos retrotrae ás cavernas.

Seguidores