Cando comecei a ver Fillos dos homes ―Children of men― non ía para nada coa idea de ver unha peli de acción. Dela coñecía o seu director, Alfonso Cuarón, e o seu punto de partida: nun futuro próximo, en 2027, as mulleres non poden ter fillos, e o rapaz máis novo do planeta é asasinado. Esta ficha técnica non fai senón aumentar ás expectativas que poda crear unha película que non cheguei a ver no seu momento e da que Berni me recordou a súa existencia.
Ben, despois desta introdución debería pasar a criticar a cinta, mais non lle vou dar moitas voltas ao que xa teño claro. Se tivera que adxectivala, decantaríame, case sen dúbidas, por “maxistral”. E debo engadir que Clive Owen, actor que encarna ao protagonista da historia, é un home ao que non lle teño ningún aprecio logo de soportar a súa actuación “cara-de-pao” naquel bodrio onde o vin por primeira vez, O rei Arturo. Pero
sorprendentemente aquí leva a cabo un traballo excelente, que non desmerece en absoluto ao resto da película.
Volvendo coa historia, o que comentei ao principio do cine de acción cobra moita importancia en Fillos dos homes, porque podo dicir, sen medo a trabucarme, que ten as mellores escenas de guerra que vin nunca. E, ao contrario do que se podería crer, non é só unha película de acción. É un drama humano, unha crítica ao camiño que pode tomar a nosa civilización, ou que, talvez, xa estea a facer. A medida que pasan os minutos, tomas partido nun conflito no que se mesturan todo tipo de razas e nacionalidades, ideoloxías e relixións, e no que toda a brutalidade e o odio das persoas xira en torno á inocencia e a debilidade da mesma humanidade. Cada disparo, cada asasinato, cada pinga de sangue que salpica o obxectivo da cámara estremece ao espectador. Comportándose como un auténtico xenio, Cuarón consegue que non vexas un final na película, e dá en todo momento a impresión de que os protagonistas nunca acadarán a súa meta.
Concluíndo, non me gusta nada a idea de facer unha crítica que remate nunha nota numérica, porque adoitan ser inxustas, pero neste caso leva o que merece. A pregunta que me fixo realizar e á que responde a propia película obrígame a puntuala.
Pode o pranto do último bebé da historia acalar os ruxidos das armas accionadas pola xenreira, a rabia e a estupidez humanas? A resposta, xa sabedes onde. E un 10.
No hay comentarios:
Publicar un comentario