Din que nunca choveu que non escampase. O certo é que, até o momento, esta afirmación non fallou nunca. Todas as tormentas chegaron á súa fin e todos os diluvios deixaron de anegar terras chegados a certo punto. Aínda así, cando se detén a choiva, hai xente que segue co paraugas aberto, tapándose do mesmo xeito ca antes. Nunca vos fixastes?
Eu estou seguro de que estas persoas o fan porque non saben que xa non chove. Ignoran o que ocorre a un raio maior a corenta centímetros de si mesmos, descoñecen o que realmente pasa ao seu redor, no mundo.
Afortunadamente, o ser humano caracterízase, alén de certos comportamentos alleos ao instinto, tamén coñecidos como raciocinio, pola súa capacidade de aprender. E toda esta xente, fóra de lugar, e sobre todo de momento, adoita rectificar e pechar os seus paraugas cando ven que xa non chove ou que os demais non se tapan.
Respecto a eles, temos dúas posibilidades: ou ben deixamos que vivan baixo o seu anacronismo e nos acaben golpeando con el, ou apartamos todos as capuchas das nosas caras para deixarlles claro que a tormenta xa rematou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario