24/5/08

Achicando augas en Génova

Estas última semanas parece que me están facendo tolear. Como podo crer que Fraga sexa un gran demócrata? Nada máis lonxe da realidade, pero penso que hoxe, e sen que sente precedente, vou romper unha lanza a favor de moitos persoeiros desa gaiola de animais salvaxes na que se está a converter o PP.

Catro anos de crispación e levantamento social contra un goberno que, alén de todos os seus erros, non chegou a romper nin España nin a familia, non deron os resultados agardados para Rajoy e o seu equipo. Quizais desde fóra parecía evidente que non era o camiño, pero eles decidiron tomar esa senda que os conduciu cara un novo fracaso o 9-M. Case tres meses despois, daquel proxecto só fican cinzas e Rajoy veu demostrando certo movemento cara a moderación, xa non ideolóxica, senón política, e co nomeamento de Saenz de Santa María parecía tenderlle a man ao diálogo. Pero a moderación e o diálogo non parecen levarse ben con todo o PP.

Nesta viaxe cara o centro, esa Terra Prometida do pensamento conservador, a man máis dura do partido lazou a áncora e, polo visto, partiu o barco pola metade no canto de detelo. Nesta popa retrógrada e decepcionada co líder atopamos a Aguirre, a San Gil, a Aznar e a Ortega Lara (sen grande relevancia política, pero é todo un símbolo no partido). En proa, o novo Rajoy, Saenz de Santa María, Gallardón e, podedes crelo ou non, Fraga. Sí, Manuel Fraga Iribarne, o que foi ministro de Franco, o fundador da AP-PP: todo un fascista aparentemente reconvertido que se decanta pola moderación. E se alguén coma el aposta polo centro, deus nos libre do que deixa á súa dereita.

Con Zaplana e Acebes nos botes salvavidas, a crise dos populares chega a condicións límites. E só rematará cando un dos extremos dese barco rachado á metade afunda. Hoxe, e sen que sente precedente, póñome do lado de Rajoy.

19/5/08

Á sombra da sombra

Ultimamente non adoito escribir moito, ben por falta de inspiración, ben por falta de tempo. Sobre o primeiro motivo prefiro non elucubrar, pero non me gusta escribir se non sinto que me saen as palabras soas. O do escaso tempo para escribir atopa a causa en factores como que se aproximan os exames, que saio bastante e que, sen lecturas obrigatorias para a carreira, podo recuperar libros que tiña pendentes. Sobra dicilo, El juego del ángel era un deles.
La sombra del viento foi publicada fai agora sete anos, no 2001, pero non foi ata o verán pasado cando me introducín na hipnótica Barcelona gótica que nos propuña Carlos Ruiz Zafón. Aquela enrevesada aventura bibliófila que rodeaba a Daniel Sempere converteuse, de inmediato, nun dos meus libros preferidos: ambientación, personaxes, trama e argumento estaban impecablemente construídos e enlazados nunha sucesión de acontecementos contada con evidente mimo. Levoume dous días ler as súas 600 páxinas, e máis que devorar eu o libro, absorbeume el a min.
O pasado mes de abril, tras unha inusitada campaña publicitaria para tratarse dun libro, chegou ás estanterías o que nos ocupa, El juego del ángel, pseudo-continuación de La sombra del viento. Con ela comparte certos elementos como personaxes ou lugares clave e, principalmente, a cidade de Barcelona. Atopámonos desta volta co escritor David Martín como protagonista, e deste xeito volvemos vernos envolvidos nunha serie de situacións cuxo obxecto son os libros. Por segunda vez (e parece ser que serán catro en total) vivimos intrigas, misterios, crimes e romances na capital catalá.
Falaba antes da obra previa de Zafón (as comparación son inevitables) e dela cabe destacar que tiña unha estrutura complexa cuxa trama desvelaba os misterios pouco a pouco, xogando co lector. El juego del ángel volve intentalo, e aínda que o logra, non se achega á tensión que La sombra del viento acadaba a cada páxina, e o ritmo decae en varios momentos da historia. Pero quizais non sexa este o erro máis grave de Zafón. La sombra del viento era un conto para adultos, unha fantasía na que todo parecía máxico e imposible, pero sen saírse, e aí radicaba a súa esencia, do mundo real. Non quero desvelar detalles de El juego del ángel para quen non o lera, polo que só direi que contén certos elementos fantásticos cos que perde a maxia do primeiro libro, e o deixa nun estraño limbo entre realidade e ficción que o afasta da capacidade sorpresiva e do enxeño do seu predecesor.
Con todo, quero rematar aclarando que isto é a miña opinión, a crítica dun 'seguidor' do autor que non viu cumpridas as expectativas que puxera na nova obra. Ao seu favor direi que paga a pena lelo, pois sexa como for, Carlos Ruiz Zafón volve crear personaxes, escenarios, atmosferas e diálogos inesquecibles. Para min, El juego del ángel é, á vez, un gran libro e unha gran decepción.

3/5/08

The Rescue

Un, dous, un, dous. O meu corazón latexa ao compás duns acordes de guitarra, e déixome levar polas fermosas escalas post-rock dun dos sons máis fermosos que poida oír.

Un, dous, un, dous. Pecho os ollos e evoco ese lugar, recordo dun locus amoenus máis recente do que poida deducirse pola súa idealización.

Un, dous, un, dous. Podemos chegar a onde queiramos. O único que precisamos é seguir así. Quen necesita nada máis?

Un, dous, un, dous. Nun mundo tan incomprensible coma este, o maior tesouro co que podemos contar é a certeza. Podo asegurar que son feliz, e conto os días coma este coma pesadas moedas de ouro.

Un, dous, un, dous. Explosions in the Sky. Vós. Nós. As ansias de dicir algo. Tres semanas sen escribir son demasiado para quen ten os acordes do corazón contados.

Segue así ata que remate esta doce melodía...por favor.

12/4/08

Las chicas son guerreras

Ou iso parece. É curioso que estea a converter o meu blog nun auténtico baluarte feminista ou, mellor dito, defensor da muller. Que traio desta volta? A primeira ministra de Defensa. Curioso, non?

Evidentemente, nós non o recordaremos, pero non foi ata 1988 cando entrou a primeira muller nas Forzas Armadas, data demasiado próxima, se supoñemos que esa igualdade debía vir xa dende o establecemento da democracia. As mulleres tomaran parte na defensa da República no seu momento, pero esa foi a España perdedora, e aquelas loitadoras fican agora como nota a pé de páxina na historia. Porén, a paridade chegou (afortunadamente, acaba facéndoo, antes ou despois), e hoxe, vinte anos máis tarde, a persoa máis poderosa da maquinaria militar española é unha muller.

A devandita dama chámase Carme Chacón, e por se o feito de non pertencer á metade menos evolucionada da humanidade non doe o suficiente nos sectores máis retrógrados do panorama político, cabe destacar que é catalá (¡separatista!) e está embarazada (¡que se vuelva a cuidar la casa!).

Non sei exactamente o que pode esperar esta muller dos seus adversarios, pero o que é seguro é que pronto veremos as marchas militares pasar por diante dunha muller, a muller que controla os fíos do exército. Quizais moitos non o perciban, pero a min paréceme todo un novo fito na historia das mulleres españolas. Como, por certo, temo que tamén o será Esperanza Aguirre dentro de catro anos. Pero para iso, e para a sociedade en xeral, aínda que queda moito por andar.

10/4/08

Silvio Berlusconi acha o segredo da beleza feminina

Sempre tan profundo, Berlusconi. Sempre tan doce e educado. Así é este defensor das mulleres e da súa dignidade. El, clarividente, acaba de descubrir cal é a función das políticas: alén de gobernar, o que buscan é pasearse polos corredores de congresos e ministerios. Por iso, nun intelixente e impecable golpe de efecto, chama ás urnas pedindo o voto para o seu partido cun argumento abafante: as mulleres da dereita son máis guapas. Gustaríame felicitar a este home por tal descubrimento. É por todos coñecido que mulleres como Esperanza Aguirre ou Angela Merkel destacan non polas súas actuacións ao mando dos gobernos que dirixen, senón pola súa indiscutible beleza.

Chegados a este punto, homes do mundo, deixade que as mulleres fermosas nos dirixan. Deixade que esa muller obxecto, bandeira do recalcitrante machismo, non se peche ás rexeitadas revistas porno e pase ás portadas dos diarios máis serios. É o que Berlusconi ofrece aos italianos, é o seu argumento á hora de votar: se os de esquerdas non saben nin escoller a unha muller fermosa, como vai poder dirixir un país?

Despois aínda non sorprendemos de que haxa homes que maten ás súas mulleres, se alguén coma este individuo pode chegar a dirixir un Estado europeo como é o italiano. Pero, con todo...estupefacto me hallo.

Seguidores