Ultimamente non adoito escribir moito, ben por falta de inspiración, ben por falta de tempo. Sobre o primeiro motivo prefiro non elucubrar, pero non me gusta escribir se non sinto que me saen as palabras soas. O do escaso tempo para escribir atopa a causa en factores como que se aproximan os exames, que saio bastante e que, sen lecturas obrigatorias para a carreira, podo recuperar libros que tiña pendentes. Sobra dicilo, El juego del ángel era un deles.
La sombra del viento foi publicada fai agora sete anos, no 2001, pero non foi ata o verán pasado cando me introducín na hipnótica Barcelona gótica que nos propuña Carlos Ruiz Zafón. Aquela enrevesada aventura bibliófila que rodeaba a Daniel Sempere converteuse, de inmediato, nun dos meus libros preferidos: ambientación, personaxes, trama e argumento estaban impecablemente construídos e enlazados nunha sucesión de acontecementos contada con evidente mimo. Levoume dous días ler as súas 600 páxinas, e máis que devorar eu o libro, absorbeume el a min.

O pasado mes de abril, tras unha inusitada campaña publicitaria para tratarse dun libro, chegou ás estanterías o que nos ocupa, El juego del ángel, pseudo-continuación de La sombra del viento. Con ela comparte certos elementos como personaxes ou lugares clave e, principalmente, a cidade de Barcelona. Atopámonos desta volta co escritor David Martín como protagonista, e deste xeito volvemos vernos envolvidos nunha serie de situacións cuxo obxecto son os libros. Por segunda vez (e parece ser que serán catro en total) vivimos intrigas, misterios, crimes e romances na capital catalá.
Falaba antes da obra previa de Zafón (as comparación son inevitables) e dela cabe destacar que tiña unha estrutura complexa cuxa trama desvelaba os misterios pouco a pouco, xogando co lector. El juego del ángel volve intentalo, e aínda que o logra, non se achega á tensión que La sombra del viento acadaba a cada páxina, e o ritmo decae en varios momentos da historia. Pero quizais non sexa este o erro máis grave de Zafón. La sombra del viento era un conto para adultos, unha fantasía na que todo parecía máxico e imposible, pero sen saírse, e aí radicaba a súa esencia, do mundo real. Non quero desvelar detalles de El juego del ángel para quen non o lera, polo que só direi que contén certos elementos fantásticos cos que perde a maxia do primeiro libro, e o deixa nun estraño limbo entre realidade e ficción que o afasta da capacidade sorpresiva e do enxeño do seu predecesor.
Con todo, quero rematar aclarando que isto é a miña opinión, a crítica dun 'seguidor' do autor que non viu cumpridas as expectativas que puxera na nova obra. Ao seu favor direi que paga a pena lelo, pois sexa como for, Carlos Ruiz Zafón volve crear personaxes, escenarios, atmosferas e diálogos inesquecibles. Para min, El juego del ángel é, á vez, un gran libro e unha gran decepción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario