13/6/09

Demagoxia liberal

Encántame recorrer ao dicionario porque sempre deixa todo moi claro e contundente, e con certos elementos da sociedade non me sae demasiado ter piedade. A palabra de hoxe é “demagoxia”, é dicir razoamento enganoso que busca conseguir o apoio dos demais para beneficio propio. Porque digo isto? Por suposto, porque vou falar (outra vez) de Galicia Bilingüe, o Rasputín particular do noso tsar Feijoo.

Recapitulemos sobre o tema: as falacias e a demagoxia desta organización baséanse no irrebatible argumento da liberdade lingüística, un xermolo de anarquismo polo cal os pais teñen o dereito de escoller a lingua que se ha utilizar na escola pública. Algo completamente normal porque, como sabemos, carecemos dun parlamento escollido democraticamente que lexisla e aproba normas que regulan o normal funcionamento da educación publica. A súa liberdade é, logo, a capacidade de saltarse as leis aprobadas polos representantes do pobo.

Pois ben, este entes chamados demócratas, despois de facer unha manifestación semanas antes das eleccións, crispando e caldeando o ambiente cun tema ignorado durante toda a lexislatura, e despois de premer á nova Xunta para que seguise as súas ideas, volven á carga. O problema? A nova enquisa feita á carta desta xente.

Fai un par de días líamos que a Consellería de Cultura prohibía todo tipo de actos relacionados coa enquisa. Hoxe, Galicia Bilingüe leva as mans á cabeza porque nalgúns centros estase a repartir a enquisa acompañada de trípticos a prol da opción “Todo en galego”, nos que se aportan datos como que os niveis de castelán e inglés en Galicia son superiores á media estatal. Deduzo que a señora Gloria Lago, licenciada en Filoloxía Inglesa, non asistiu á clase o día que explicaban que aprender máis dunha lingua potencia a capacidade dos nenos. Ou directamente pasou do tema.

A cuestión é que eles mesmos critican este “intento de manipulación”, pero á súa vez reparten folletos nos que animan a votar na enquisa “con liberdade”. Gustaríame recordar que, no referendo do Estatut catalán, a Xunta Electoral Central prohibiu unha campaña da Generalitat na que se chamaba á participación, porque consideraba a abstención unha opción máis e unha institución oficial non pode pedir o voto para ninguén. Logo, eles non manipulan? E acaso consideran a divulgación de información empírica unha forma de manipulación? Na súa concepción de liberdade é así: se a información non lles favorece, é manipulación; se a lexislación non lles gusta, é imposición.

Digámolo claramente: só son unha panda de golpistas.

1 comentario:

Notedoy Minombre dijo...

Amén hermanos!! Eu insisto no tema, ¿¿tan complicado é falar dous idiomas??
Que se é por tocar as pelotas monto unha manifa pedindo élfico na escola, que seguro que nos xuntamos uns cantos!!

Namarië(chao)!!

Seguidores