26/6/09

Autocrítica

Afortunadamente, o que unha primeira impresión ou ollada prematura puidera amosar non se achegaba á realidade nin coas xemas dos dedos. O que parecía unha sinxela e doada poesía era moito máis: un estertor da soidade, pena de morte á tristura. Calquera que se dera de entendido podía intentar desentrañar o que implicaban aquelas palabras zurcidas con doce saña sobre papel reciclado, pero ningún deles, por moito que o intentase, ía poder reclamar para si o mérito de entender o que se tentaba dicir. Había, xa que logo, naquel texto algo indescifrábel, algo incomprensíbel. Un factor descoñecido para todos, orixe do mundo de tinta baixo os ollos do lector incauto que transmitía nunha suave melodía muda de murmurios imaxinados. Non importaba a calidade. Non importaba a forma. Todo o que se quería dicir estaba dito, e todo o que se quería facer sentir provocábase. A ilóxica da razón (e a filosofía tola que agarda sentada no sofá a que o sentido común a saque a bailar) zumega polos poros dos puntos que limitan a paixón destemida e parece envorcar desde cada verso cara o baleiro dos sentimentos esquecidos por moitos. Valor. Loucura. Se algunha palabra representase algo tan grande non existiría a poesía. Amor. Ledicia. Se non puidese pórlle nome a esta eternidade non estaría a falar dun poema que nunca souben escribir. A.

No hay comentarios:

Seguidores