19/5/08
Á sombra da sombra
3/5/08
The Rescue
Un, dous, un, dous. O meu corazón latexa ao compás duns acordes de guitarra, e déixome levar polas fermosas escalas post-rock dun dos sons máis fermosos que poida oír.
Un, dous, un, dous. Pecho os ollos e evoco ese lugar, recordo dun locus amoenus máis recente do que poida deducirse pola súa idealización.
Un, dous, un, dous. Podemos chegar a onde queiramos. O único que precisamos é seguir así. Quen necesita nada máis?
Un, dous, un, dous. Nun mundo tan incomprensible coma este, o maior tesouro co que podemos contar é a certeza. Podo asegurar que son feliz, e conto os días coma este coma pesadas moedas de ouro.
Un, dous, un, dous. Explosions in the Sky. Vós. Nós. As ansias de dicir algo. Tres semanas sen escribir son demasiado para quen ten os acordes do corazón contados.
12/4/08
Las chicas son guerreras
Ou iso parece. É curioso que estea a converter o meu blog nun auténtico baluarte feminista ou, mellor dito, defensor da muller. Que traio desta volta? A primeira ministra de Defensa. Curioso, non?
Evidentemente, nós non o recordaremos, pero non foi ata 1988 cando entrou a primeira muller nas Forzas Armadas, data demasiado próxima, se supoñemos que esa igualdade debía vir xa dende o establecemento da democracia. As mulleres tomaran parte na defensa da República no seu momento, pero esa foi a España perdedora, e aquelas loitadoras fican agora como nota a pé de páxina na historia. Porén, a paridade chegou (afortunadamente, acaba facéndoo, antes ou despois), e hoxe, vinte anos máis tarde, a persoa máis poderosa da maquinaria militar española é unha muller.
A devandita dama chámase Carme Chacón, e por se o feito de non pertencer á metade menos evolucionada da humanidade non doe o suficiente nos sectores máis retrógrados do panorama político, cabe destacar que é catalá (¡separatista!) e está embarazada (¡que se vuelva a cuidar la casa!).
Non sei exactamente o que pode esperar esta muller dos seus adversarios, pero o que é seguro é que pronto veremos as marchas militares pasar por diante dunha muller, a muller que controla os fíos do exército. Quizais moitos non o perciban, pero a min paréceme todo un novo fito na historia das mulleres españolas. Como, por certo, temo que tamén o será Esperanza Aguirre dentro de catro anos. Pero para iso, e para a sociedade en xeral, aínda que queda moito por andar.
10/4/08
Silvio Berlusconi acha o segredo da beleza feminina
Chegados a este punto, homes do mundo, deixade que as mulleres fermosas nos dirixan. Deixade que esa muller obxecto, bandeira do recalcitrante machismo, non se peche ás rexeitadas revistas porno e pase ás portadas dos diarios máis serios. É o que Berlusconi ofrece aos italianos, é o seu argumento á hora de votar: se os de esquerdas non saben nin escoller a unha muller fermosa, como vai poder dirixir un país?
Despois aínda non sorprendemos de que haxa homes que maten ás súas mulleres, se alguén coma este individuo pode chegar a dirixir un Estado europeo como é o italiano. Pero, con todo...estupefacto me hallo.
7/3/08
Sen título
Un ideal nunca será tan valioso como unha vida humana. Este non é o camiño, e o saben; á maioría da xente non lle gusta vivir nun país cunha bandeira manchada de sangue, e eles están pintando a súa. Espero que haxa referendo e sexa cal sexa o resultado, ambas partes o acaten. Así, dun xeito ou outro, rematará todo isto. Porque independente ou non, non paga a pena vivir nunha terra ateigada de cadáveres e asasinos.


