11/4/09

Anxiety

Catro da mañá. O puto Matías non aparece, e empezo a ter as mans xeadas. Tres cuartos de hora agardando por el naquel rueiro apartado da zona das discotecas, onde só a cada pouco aparecen un ou dous borrachos a mexar nas xa húmidas esquinas de pedra. Que porcallada. Sinto a néboa entre os ósos, e o barullo proveniente das rúas próximas tradéame os ouvidos. Nótome inquedo, nervioso, e o cabrón segue sen chegar. Que chungo. Saco a carteira e conto os billetes. Está xusto. Catro e cinco. Segue sen vir. Camiño dun lado a outro, e a grava arrabuñando o chan québrame a cabeza co seu son. Dóeme. Estou morto de frío, pero comezo a notar suor caéndome pola fronte. ¡Deus, necesito que chegue xa! ¿Cando foi a última...? ¿Hai dous días? ¿Tres? Que importa... necesítoo xa. Moléstame a luz da rúa e próenme os ollos. Baixo a mirada e sigo dando pasos en círculo. Como me doe a cabeza, hostia... Voulle partir a cara cando veña, se é que ven. Catro e dez. Escoito pasos detrás de min. ¿Quen cona será? Doume a volta. ¿Tes os cartos? Si, agarda. Trémenme as mans ao sacar o feixe de billetes de cinco. Toma. Aquí tes. Comprobo a materia. O corazón latéxame da emoción. Coma un neno. ¿A semana que ven outra vez aquí? Está ben. Pero non chegues tarde. Chegarei cando me dea a gana, e ti agardarás. Será cabrón... Vale. Gardou os cartos no peto e marchou. Puto Matías. Percorro un par de rúas até onde non hai ninguén. Por fin. A rúa parece unha mancha negra aos meus lados. Anícome. A culler brilla sobre o chisqueiro. Por fin. A agulla zúgao todo. Subo a manga. Engancho a goma. Respiro forte. Por fin. Pincho. Calor. A rúa cae cara adiante. Vexo a lúa. Brilla. Como a culler. Por fin.

2 comentarios:

L'amourdeloin dijo...

La temática no eclipsa tu sello. No podría llevar otro.

Berni dijo...

si Alex, ven al lado oscuro de la escritura...

Seguidores