1/3/09

O mal da abstención

Nada mellor que unha discusión co meu pai á hora de comer para espertar as neuronas. A cuestión, evidentemente, xirou en torno as eleccións, tema do día e, con toda seguridade, da próxima semana.

O detonante do debate foi a porcentaxe da participación das 12 da mañá, catro puntos menor que catro anos atrás. Que relevancia ten este dato? Pois coma sempre, a menor participación, menos votos para a esquerda, pois existe unha filosofía intrínseca na ideoloxía de moitos votantes potenciais do bipartito (es especial dos socialistas) de quedar na casa e non saír e depositar o seu voto ao mínimo erro achacable. A raíz disto chegamos ao punto de discutir sobre esa natureza abstencionista da esquerda, impensable entre os simpatizantes do PP, que votarán relixiosamente ao seu partido sen importarlles a actuación dos seus políticos. Os datos demostran que o PP sempre conta cos seus votos, non adoita variar o seu número en exceso, mentres que os partidos da esquerda pasan polo filtro dunha autocrítica, ao meu parecer, excesiva, que os leva a perder votos. BNG e PSOE sofren a decepción causada entre os seu seguidores por non cumprir todo o prometido nestes catro anos e, ao final, isto redunda no beneficio da dereita, con maior porcentaxe de votos sobre o total.

Agora non quero expoñer conclusións, só enunciar preguntas aos que poidan quedar na casa e deixen de votar á esquerda: Debemos deixarnos levar polo desencanto e permitir que gañe a dereita? É coherente botar do goberno a uns que en catro anos non fixeron todo o que deberon para que volvan os que fixeron menos en dezaseis? Nunca sobra a actitude crítica co partido ao que se vota, pero a pasividade e o desencanto parecen ser unha pose tan interesante a día de hoxe que ninguén se da conta do perigosa que pode chegar a ser. Non penso, coma o meu pai, que quen non vai votar á esquerda por decepción sexa realmente de dereitas e reaccionaria, pero si que o seu pasotismo leva á sociedade cara ese camiño, e quizais hoxe teñamos un Sunday, bloody Sunday do que moitos se arrepentirán mañá. Pola contra, se o desencanto é tal que estas cuestión non fan cambiar a ninguén de opinión, pido o voto en branco, porque a abstención só pode vir de dúas clases de persoas: os anarquistas ou os irresponsables.

No hay comentarios:

Seguidores