17/1/09

[...]

Puxo o disco na bandexa. Na casa oía pasos e voces familiares, pero agora dispúñase a escoitar algo distinto. Regaláralle aquel CD a modo de selección das súas cancións preferidas, e agora pasara a formar parte deses recordos incómodos dos que ninguén é capaz de desfacerse. Quería escoitalo unha vez máis. O disco. A música. A el.

Volvería? Quen sabe. Só a despedida fora o máis duro polo que pasara nunca até aquel momento, pero o que veu despois superábao.

A suave melodía a piano daquela primeira pista tróuxolle á cabeza momentos que cría afogados no pranto que traía sempre detrás, intres compartidos pola inexperiencia e o medo, pola inseguridade e a esperanza. Sabía que lembrar todo aquilo non ía levar a ningures, que se trabucaba, outra vez, ao mergullarse de novo nas augas do perdido. Pero, con todo, estaba a caer nunha morea de sentimentos estragados, sen función nin razón de ser. Que outra cousa ía facer? Se cada paso que daba, cada voz que escoitaba, cada fiestra pola que miraba e cada palabra que lía non eran máis que unha alarma permanente e incansable que lle recordaba que el xa non estaba alí. Chegou á conclusión de que, se ía estar na súa cabeza en todo momento, decidiría como mínimo de que xeito o ía recordar.

Á terceira canción, o rapaz deitouse e ficou na cama, quedo, secando a bágoas contra o coxín que abrazaba.

24/7/08

E casualmente...

...a Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar hoxe mesmo un contramanifesto que me limitarei a copiar e pegar.

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.
Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

A dirección orixinal é esta, por se queredes firmalo (jo tío, parezo sacado de El Mundo..."¡Firma el Manifiesto!"). Pero antes lédeo e opinade: é criticable, pero a min convenceume.

23/7/08

Sobre o Manifesto pola Discordia Común

Canto facía que non escribía aquí! Coa coña dos exames e de marchar despois á praia, ficou o blog baleiro e sen actualizar, agardando a que me dera por retomalo. Pasaron moitas cousas nestes case dous meses, pero a min paréceme que, sen dúbida, o que merece maior atención á hora de escribir algo novo é a regueifa lingüística que está a acontecer hoxe en día en España. Cousas de ser un proxecto de filólogo, que lle queredes...

Ben, poñámonos en antecedentes: dende fai varios meses (se cadra anos) lévanse producindo movementos contra as leis e normativas que se foron aprobando nas nacións sen estado/nacionalidades históricas/comunidades autónomas/rexións a prol da normalización lingüística das súas (nosas) respectivas linguas propias. Estas reacción, xeralmente de corte conservador e eminentemente españolista (aínda que os nacionalistas sexan os demais), escúdanse na premisa da liberdade individual para escoller a lingua; na, ao seu modo de ver, imposición lingüística, e nunha suposta persecución aos castelánfalantes. No noso caso, o galego, xurdiu esa mesiánica organización chamada Galicia Bífida Cunnilingüe Bilingüe, cuxa defensa do bilingüismo é máis ben nula (son contrarios á ensinanza ao 50% en cada lingua). Podo entender que en Madrid crean o que din, pero calquera persoa que viva en Galicia e vexa o que hai dificilmente vai tragar con ese escenario de holocausto castelán que presentan.

A verdade, estes señores poderán dicir o que queiran, pero non han lograr moito. O problema ven dado cando a algúns 'pensadores' firman un Manifesto por la Lengua Común que, baixo unha máscara de concordia lingüística atacan as políticas de normalización doutras linguas peninsulares, e defenden unha homoxeneización en torno ao castelán esquecendo dereitos e deberes contrarios ao que predican: se os os dereitos son das persoas e non das linguas, por que é un deber aprender castelán e non galego?; se se defende o bilingüismo en certas comunidades, porque será obrigatoria a sinalización en castelán e non en catalán? Este manifesto naceu da pluma de filósofos e escritores con máis intención política que lingüística e que esquecen (ou, directamente, ignoran) que o castelán non corre perigo, que os dereitos dos castelánfalantes están en plena forma e que a lexislación corre contra as linguas minoritarias e non contra a terceira lingua do mundo. Cando non poida dar clases de castelán en Galicia, como nun futuro espero facer, ou cando alguén precise dun intérprete para casar en castelán, só entón, se iso ocorre, entenderei campañas así. Mentres tanto, por favor, que deixen de someter linguas e marxinar falantes por non seren casteláns: despois de tantos séculos, non é sen tempo.

29/5/08

Firefox 3 e o Guinness dos récords

Adoro o software libre. Fai pouco que me pasei a Linux con Ubuntu, pero xa levaba un par de anos utilizando o Mozilla Firefox como navegador da Internet en Windows. É máis seguro, máis cómodo e, sobre todo, máis personalizable que o Explorer de Microsoft, ademáis de ser unha distribución libre, de código aberto, na que participan voluntarios de todo o mundo. Ata o de agora, o versión máis actual é o Firefox 2, pero este xuño sae por fin a terceira reinvención do mellor navegador actual.

Para levantar (aínda) máis expectación Mozilla decidiu crear unha campaña para meter Firefox 3 no libro dos récords, pretendendo acadar a marca do programa máis descargado en 24 horas. Obxectivamente, é bastante estúpido, non o vou negar, pero como xeito de promocionar á mellor alternativa ao Internet Explorer do Windows, que moitísima xente utiliza por descoñecemento doutras opcións, resulta bastante curioso.

Dende aquí anímovos non a participar neste "Download Day", senón a probar o Firefox, ben na súa actual versión ou na próxima actualización.

Download Day
Non é unha monada?

26/5/08

Advert powered by Conferencia Episcopal

Escoitas a Losantos todas as mañas coa ilusión do primeiro día? Gústache entrar o primero na igrexa cada domingo? Deveces por ver ao Papa cando ven a España? Apoiarías un golpe de Estado contra o goberno de Zapatero? Esta é a túa! Corre agora mesmo ao teu quiosco! Non perdas esta irrepetible oferta: os mellores momentos na manifestación a favor da familia de Rafael María Rouco Varela xa en DVD!!! Tanto se non puideches ir como se queres rememorar aquel punto de inflexión na historia da nosa gran nación, faite con el.

Xa á venda conxuntamente con ABC, tan só por 5,95 €. Non deixes pasar a oportunidade!

Seguidores