23/2/09

Inxustiza ou vinganza

Parece que volveron as dúas Españas. Non como as coñeciamos, pero estamos outra vez a ver como a sociedade deste país se polariza en torno a un tema de xeito extremo e inconcibible. Por unha banda, estanse a celebrar manifestacións a prol da cadea perpetua polo asasinato dunha rapaza a mans do seu exmozo, e por outra asistimos atónitos á sentenza absolutoria dun tribunal popular polo asasinato de dous homosexuais, un deles inmigrante, a mans doutro home. Son dúas Españas crebadas pola dobre moral, pola hipocrisía dunha sociedade vingativa e discriminatoria, que pide cárcere de por vida por un crime e deixa ceibo a un asasino dobre.

A cadea perpetua e a pena de morte abolíronse, salvo en caso de guerra, coa Constitución de 1978, esa carta magna que moitos defenden e outros tantos piden reformar. Sen dúbida, non creo que este punto deba ser tocado: ambas penas son aberrantes e excesivas, inhumanas, e penso que deberían evitarse sempre que fose posible. Porén, resulta curioso que se saia á rúa para pedir xustiza, entendendo por xustiza a vinganza, clamando por un referendo para a aprobación do cárcere de por vida, e ninguén se mova para pedir unha pena dentro da lexislación actual para o asasino de dúas persoas. Si, de dúas persoas, non de dous maricóns.

Resulta vergoñoso que, nun país onde os dereitos dos homosexuais están á par que os dos heterosexuais, siga existindo unha discriminación tan sangrante como para que o asasinato de dous gais poida ser eximido de culpa alegando “pánico homosexual”. En que cabeza cabe semellante sentenza? Se incluso matando a dous cans ese asasino tería unha pena maior, que ocorrería se as vítimas foran unha parella heterosexual? Ou dúas rapazas como Marta del Castillo? Por que a xente pide cadea perpetua por unha moza asasinada e non reclama unha condena dentro da lei por dous homosexuais? É esta a nosa sociedade aberta, igualitaria e tolerante? Non se trata de pedir vinganza, nin leis á carta. Só se trata de que a lei vixente protexa e trate ás vidas de cada un dos habitantes do país do mesmo xeito: nin a morte de Marta esixe un endurecemento irracional das leis, nin a de dous gais pode ser tratada como a dun par de cascudas. Se temos unha lei que pode funcionar con terroristas, tamén debería valer para asasinatos comúns, tanto de rapazas indefensas como de perigosos maricas. Porque parece que ser marica é un perigo para os heterosexuais, segundo un xurado popular. Pido para eles a reinserción social. Aínda que seguramente nunca se rediman.

15/2/09

Flashforward

Case podo sentir esa primeira brisa británica bruando nos meus ouvidos. Levarei horas, días, se cadra semanas completamente consumido pola idea da experiencia, lembrando o momento en que decidín correr a aventura con certo rancor, e mirando ao futuro incerto con medo. Sairei do avión mirando ao meu redor; “xa estou aquí”, pensarei, “xa non hai volta atrás”, e baixarei a escada lentamente, como se cada chanzo tivera una trampa embaixo e temera caer nela. Despois de medio ano mentalizándome, seguiría a ter medo, pero era o normal: non tardaría máis ca unhas semanas en adaptarme e perdelo, pero até entón, sabíao, ía pasalo algo mal. Comprobarei que o meu inglés é paupérrimo nada máis afrontar unha conversación básica no aeroporto, caeráseme o mundo enriba, e pensarei que cometín un erro maiúsculo ao crerme capacitado para saír da casa. Pero ao pouco tempo conseguirei apañarme, máis ou menos, co idioma. De seguro que os primeiros días sufrirei nas clases: o ritmo que levan é demasiado para min, acostumado a non facer nada na alegre universidade española. Porén, pronto poderei acadar o nivel necesario e non terei problema. E tamén me decepcionarei coa xente que coñeza, pero coido que atoparei quen pague a pena e me acompañe durante todo ese tempo.

Podo imaxinar, hoxe, a que me vou enfrontar se marcho. Podo pensar en todas as variables posibles e, aínda así, non estarei preparado até que o faga. Pero hai algo, o único, do que podo estar seguro. Se ti segues aí, se ti segues aquí, it's gonna be okay.

Seguidores